Repensarse

Asun Carballo Rodríguez
asuncr@edu.xunta.gal
Carmen Somoza López
somozalopez@edu.xunta.gal
IES Valadares (Vigo - Pontevedra)

 

Un dos maiores retos ao que nos tivemos que enfrontar o profesorado o curso pasado foi adaptar o proceso de ensino-aprendizaxe á unha realidade diferente, momento no que a formación adquirida, que nos axudara a darlles pulo aos proxectos que tiñamos, contribuíu a reorientar a nosa práctica docente.

 

Rompendo barreiras

Unha das apostas destes últimos anos dentro das propostas formativas do instituto foi o afondamento no desenvolvemento curricular e a aprendizaxe competencial. O curso pasado demos un paso máis implementando o traballo de tarefas integradas en primeiro da ESO nas materias de Lingua Castelá e de Matemáticas. Un proxecto que rompeu barreiras espaciais e temporais xuntando dúas aulas nun mesmo espazo, unindo horas de traballo e esforzos e recursos humanos. Este proxecto atopou unha aliada importante na biblioteca do centro, concibida como unha ferramenta para traballar doutro xeito, de maneira competencial e colaborativa. O espazo amplo e o mobiliario versátil permiten que as dinámicas sexan distintas.

 

 

Rompendo dinámicas

O deseño e o desenvolvemento das tarefas foi acompañado de sesións de formación que axudaron a darlles forma ás propostas que foron xurdindo. Ademais, contamos cun equipo de traballo de oito persoas constituído polo profesorado de Lingua Castelá, Matemáticas e PT. As sesións formativas e as reunións do grupo permitiron organizar e planificar este proceso antes de levalo a cabo, durante a súa implementación e ao rematalo. A reflexión e valoración axudaron a reorganizar, repensar e revisar este proceso e a asentar as bases dunhas dinámicas de traballo diferentes.

Unha das primeiras leccións foi pór en evidencia que o coñecemento que adquire o noso alumnado debe ter unha relevancia social e debe traspasar a fronteira física da aula. Por iso,  o produto final cobrou un papel importante en cada unha das tarefas que se deseñaron. Implementamos o aprendido nas sesións de formación no mes de novembro cun estudo sobre a repercusión das redes sociais e os medios de comunicación na nosa comunidade educativa. Este foi o pretexto para traballar na aula estatística, o proceso de investigación, a lectura e a escritura. O produto final foi unha exposición do aprendido ás familias. Abrimos as portas do instituto para amosar o resultado; deste xeito fixémolos partícipes do traballo que se estaba a facer e do proceso de aprendizaxe dos seus fillos.

 

 

Na segunda proposta participamos no evento que se realizou para inaugurar a biblioteca. O alumnado de primeiro da ESO encargouse do ágape final. Fixeron galletas atendendo a distintas intolerancias, despois de traballar en Matemáticas e Lingua Castelá as fraccións e o texto instrutivo, respectivamente. Cada galleta ía acompañada dunha etiqueta con receitas moi especiais que facían que cada unha fose diferente: receitas para ser feliz, para non contar mentiras, para non ser soberbio…

 

A mesma esencia

A pandemia irrompeu nas nosas vidas no mes de marzo. Foi un duro lategazo para alumnado e profesorado que en pouco tempo tiveron que pasar da educación presencial á virtual sen un proceso de adaptación. Entrou nos nosos centros coma un tsunami que fixo tremer as bases do noso sistema. Foi o momento de refacer o proceso deseñado tendo en conta esta nova situación. Tivemos que repensarnos e saír adiante aproveitando as oportunidades que nos ofrecían estes novos tempos. Mantivemos a mesma esencia incorporando novos elementos e ferramentas: utilización da aula virtual coma se fose o noso caderno e sesións virtuais en Webex. Así mesmo, houbo que darlles unha volta aos produtos finais e buscar aplicacións que servisen para recoller todos os traballos realizados; Padlet e Genially foron as dúas plataformas dixitais escollidas.

O confinamento pillounos no inicio da terceira tarefa. A partir do 23 de marzo comezouse a traballar na aula virtual continuando coa temática iniciada nas aulas. Estabamos a preparar xogos creados polo alumnado para participar na Feira do Coñecemento na Semana Cultural do centro. O obxectivo era que o alumnado de primeiro da ESO fose o monitor das buscas do tesouro que ían crear. Houbo que cambiar o formato, mais o desenvolvemento das actividades foi o mesmo. Deseñáronse retos semanais nos que se traballou:

  • A conversión dun problema matemático nun relato
  • A lectura analítica de problemas
  • A invención dun problema de ecuacións de 1º grao de mesturas, velocidades, idades ou problemas con fraccións
  • A creación da narrativa do xogo

 

O produto final foi a elaboración dun break out dixital no que alumando creou a historia e as probas que había que resolver. Os catro xogos subíronse ao blog da biblioteca para que todo o alumnado do centro puidese participar.

As seguintes tarefas partiron da realidade que estabamos a vivir, ademais incorporamos a materia de ITI. Durante eses días pasamos máis tempo do habitual nas nosas casas, especialmente, no noso cuarto. Aproveitamos esta ocasión para velo con outros ollos, para fixarmos nos detalles aos que non lles prestamos atención habitualmente e para imaxinar cal sería o noso cuarto ideal. Alicia, a protagonista de Alicia no país das marabillas, guiounos nesta viaxe polas proporcións, as porcentaxes e o texto descritivo. Ao final desta tarefa compartimos cos demais os nosos cuartos ideais e creamos un museo virtual. Cal foi o proceso?

  • Comezamos investigando sobre un dos cuartos pictóricos máis famosas, o de Van Gogh.
  • O seguinte paso foi facer unha representación visual (debuxo a escala) e textual (descrición) do seu cuarto.
  • Rematamos deseñando e describindo o cuarto ideal.

 

 

Para concluír, decidimos facer unha reflexión sobre as sensacións que xurdiron no confinamento sobre o paso do tempo, ás veces pasaba moi de présa e á vez lentamente. Pensaron e indagaron para crear a súa propia máquina do tempo que nos permitise viaxar ao pasado ou ao futuro.

- Visitaron a cidade de Uruk para coñecer a orixe dos números e das letras, onde toparon códigos para o cadro de mandos da súa máquina.

- Investigaron sobre como contamos o tempo e sobre como se foi representando ao longo da historia da arte e da literatura a partir do cadro A persistencia da memoria de Dalí, co cal  repasaron o sistema sexaxesimal que lle serviu para programar a súa máquina.

- Coñeceron o grupo de escritores e matemáticos Oulipo e empregaron ás súas técnicas para  crear poemas con formas xeométricas para o seu cadro de mandos.

- E, finalmente, deseñaron e crearon a súa máquina.

Ao final do proceso podemos afirmar que se cumpriron as expectativas do inicio de curso. Neste cadro recollemos todas as tarefas levadas a cabo, que se traballou e cando, así como os produtos finais e as evidencias.

 

 

A valoración


Superamos este reto grazas á formación que nos brindou o CFR de Vigo, axudándonos a repensar a nosa práctica docente buscando saídas á unha situación adversa á que tiñamos que adaptarnos. O cambio da docencia presencial á virtual foi complicado polo espazo diferente e as dinámicas distintas. E un dos atrancos máis importantes aos que nos tivemos que enfrontar foi a perda do contacto humano. Porén, o traballo por tarefas contribuíu a que o alumnado non sentise tanto este cambio, o proceso e a metodoloxía estaba a ser case a mesma ca na aula, a maior diferenza era a distancia e os soportes e medios empregados. As tarefas contribuíron a que non se perdese a ilusión e o entusiasmo inicial dos menos e nenas de primeiro da ESO.

 

 

 

Sección: